O BNG de Vigo elixe a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía da cidade

Cedida.

O Bloque Nacionalista Galego vén de elixir por unanimidade a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de Vigo nas vindeiras eleccións municipais de 2023 co obxectivo de ‘resetear’ en positivo a cidade. A Asemblea Local da fronte nacionalista renova así a confianza no actual portavoz municipal e concelleiro, poñendo en valor as 750 iniciativas despregadas durante o actual mandato para darlle un novo impulso a Vigo.

O candidato do Bloque asegurou que aspiran a «sumar apoios para multiplicar» nun proceso «amplo e de portas abertas»  para avanzar nunha «verdadeira transformación da cidade». Igrexas chamou así a construír a través do proxecto nacionalista un Vigo máis habitábel, verde, con máis cultura e deporte, con emprego e oportunidades para a mocidade, en galego, cun compromiso radicalmente feminista e facendo do Concello un parapeto social fronte á crise con políticas en favor das clases populares e traballadoras.