O BNG de Vigo esixe máxima transparencia na elaboración do novo plan de usos do Porto

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de anunciar que se dirixirá formalmente ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, para lle esixir «máxima transparencia» no proceso de elaboración da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP).

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou a «opacidade» coa que se está a tramitar  «un documento chave para o futuro do porto, da ría e da propia cidade», e reclama que se faga público, de forma clara e detallada, como se atenderán as alegacións presentadas durante o período de exposición pública, incluíndo as formuladas polo BNG en novembro de 2024.

Un modelo portuario sustentábel e respectuoso coa cidade

Nas súas alegacións, o BNG defende un modelo de porto que priorice a sustentabilidade ambiental e a integración urbana, rexeitando novos recheos e a instalación de eólica mariña para protexer o valioso ecosistema da Ría de Vigo. Aliás, propoñen limitar as actividades industriais contaminantes e apostar por usos ligados á pesca, á construción naval, á náutica e á conservación ambiental.

Igrexas destacou a necesidade de optimizar os espazos portuarios actuais, evitando usos que non requiran estar a pé de mar, e propuxo reforzar a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN) como «verdadeiro porto seco».

Ademais, o BNG demanda a desafectación de zonas como a avenida de Beiramar ou o Areal para convertelas en espazos públicos de lecer e convivencia, co obxectivo de mellorar o acceso cidadán ao mar e superar a barreira que o porto supón para a cidade. «Non podemos permitir que o porto siga sendo un atranco insalvábel no acceso público ao mar», insistiu Igrexas.

Related posts

Un falecido logo de sufrir un atropelo en Verea | Un home tamén perdeu a vida tras un incendio en Aranga

Falece un operario tras caer por un terraplén coa máquina cargadora que manexaba en Vilamartín de Valdeorras

Un mozo de 22 anos mata supostamente a súa nai en Vilagarcía de Arousa e precipítase desde un terceiro piso