O BNG de Vigo esixe o cumprimento da ordenanza que impide pendurar adornos de Nadal no arboredo

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe ao goberno de Abel Caballero que cumpra a ordenanza municipal de Medio Ambiente que impide pendurar adornos e outros elementos decorativos do Nadal no arboredo da cidade. A fronte nacionalista reclama que a celebración destas actividades non se volva traducir, como en anteriores anos, en agresións ambientais que vulneran as normativas e poñen en risco elementos patrimoniais que gozan de especial protección.

«O BNG trasladamos na última Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello a nosa esixencia para que garanta o estrito cumprimento e respecto da normativa», subliñou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, de vez que lembrou que «as árbores non son postes, senón un elemento esencial do ecosistema urbano que deben ser protexidos como manda a ordenanza municipal de Medio Ambiente».

Igrexas demandou tamén ao Concello de Vigo e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza que confirmen que o mercado de Nadal que se está montando un ano máis na Alameda, o chamado Cíes Market, conta cos permisos e autorizacións necesarias para ser instalado nuns xardíns declarados como Ben de Interese Cultural e que, polo tanto, contan cunha protección integral.