O BNG de Vigo esixe que se reforce con máis medios a sanidade pública

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego lamentou a falla de acción e de resposta da Xunta de Galicia, en tanto que autoridade sanitaria, diante da «evolución explosiva» da pandemia de coronavirus na área sanitaria de Vigo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de «insuficiente» a actuación do Goberno galego perante o agravamento da evolución pandémica. Igrexas reseñou que, segundo os últimos datos dispoñíbeis, son 9.345 os casos rexistrados de Covid 19 na área sanitaria de Vigo, e que nos últimos sete días a cidade incrementou en mais de 2.800 os positivos.

«As medidas de restricións acordadas nas últimas horas pola Xunta, algunhas delas de maneira moi confusa, vanse tornar evidentemente insuficientes para enfrentar a viralidade da variante Omicron que está marcar records históricos de contaxios», advirte Igrexas.

«O papel do Goberno galego non pode ser o de transferir a responsabilidade, cando non directamente culpabilizar, á cidadanía. Teñen que poñer en marcha todos os medios, todos os recursos e todas as capacidades para protexer en maior medida a saúde e a vida das persoas», remachou Pérez Igrexas.