O BNG de Vigo esíxelle á nova delegada da Xunta que poña fin ao ‘abandono e castigo’ coa cidade

1 minutes read

Así o expresou o concelleiro e portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, nunha carta dirixida a Ana Ortiz, que vén de tomar posesión este martes, na que lle reclamou unha rectificación «urxente e profunda» das políticas do Goberno galego e na que detallou até 30 débedas pendentes.

Igrexas defendeu que a cidade «merece máis que un mero relevo de persoas» á fronte da institución, e asegurou que esperan que o cambio na delegación se traduza nun novo ciclo que remate co «total e deliberado abandono» aplicado polo PP na Xunta dende 2009, malia que matizou que o BNG non ten «ningún tipo de esperanza de que así sexa».

«Un abandono que se traduce e manifesta de maneira incontestábel nunha clara falla de investimentos pero, o que é máis grave, na continuada deserción das competencias que o Goberno galego ten de exercer tamén na cidade», valorou o portavoz nacionalista, que reprochou a «sistemática desatención» das necesidades da principal cidade galega na que habitan oficialmente 292.374 persoas, pero na que viven e traballan moitos millares máis.


O concelleiro do BNG demandou que a Xunta deixe de «utilizar» a permanente confrontación «partidista» co Goberno municipal como «coartada e escusa» para continuar ignorando á cidade. «Pedimos unha emenda á totalidade das nefastas políticas coas que o PP segue teimando en castigar a nosa cidade», insistiu Igrexas, que declinou asistir este martes á toma de posesión da nova delegada territorial.