O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de solicitar a paralización cautelar das obras para o proxecto de seis novos chalés en Cabo Estai, diante das graves irregularidades denunciadas pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia. A fronte nacionalista reclama que se aclaren estas anomalías antes de continuar coa construción desta urbanización en primeira liña de costa. O BNG pide ademais acceder á integridade do expediente urbanístico.
Entre as irregularidades, desde a entidade veciñal denuncian que varias fincas foron usurpadas pola promotora para a construción dun vial de acceso. «Choca que se poidan autorizar actuacións que incluíron aterramentos a moi poucos metros do mar, ou se teña autorizado instalar unha escaleira de formigón directamente sobre as rochas da fachada costeira de Cabo Estai», lamentou Igrexas.
A fronte nacionalista demanda por estes motivos a paralización das obras até garantir que cumpren de forma «escrupulosa» coas normativas ambientais e urbanística. «O tempo da barra libre, sobre todo no litoral, ten que darse por concluído», concluíu o concelleiro do BNG.
