O BNG de Vigo pide explicacións por deixar a cidade este domingo con só 5 bombeiros


O Bloque Nacionalista Galego considera “gravísimo” que este domingo a cidade de Vigo tivese un dos seus parques de bombeiros fechado e só estivesen operativos cinco efectivos. Demandan que o Goberno municipal dea explicacións e actúe de inmediato para garantir a capacidade operativa do servizo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, xulga “inaceptábel” a situación vivida este domingo, cando se fechou o parque provisional de bombeiros de Coruxo e o servizo contaba con apenas cinco efectivos en activo. “Cinco bombeiros para unha cidade de trescentos mil habitantes. Falamos da cuarta parte do mínimo de efectivos fixado polo propio Concello de Vigo”, enfatizou.

Igrexas demanda explicacións ao Goberno de Abel Caballero e urxe solucións para evitar que situacións como a do domingo se volvan producir.