O Bloque Nacionalista Galego reclama a intervención da Xunta para impedir o que cualifica dunha «desfeita» en Cabo Estai coa construción de novos chalés a poucos metros da costa de Vigo. A fronte nacionalista traslada ao Parlamento galego as numerosas dúbidas e irregularidades que rodean o proxecto urbanístico após non recibir explicacións nin respostas claras por parte do Concello ás interpelacións realizadas polo BNG para garantir que se está a cumprir de maneira «estrita» a legalidade urbanística.
A deputada do BNG no Parlamente galego, Alexandra Fernández, visitou o lugar das obras co concelleiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, e o presidente da asociación de San Miguel de Oia, Ángel Goberna, que encabezan a oposición veciñal a este proxecto.