O BNG de Vigo pide rectificar o proxecto de biblioteca de Teis

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe que a prometida biblioteca de Teis podería converterse nunha «nova estafa política» do goberno de Abel Caballero, tras analizar o proxecto aprobado polo Concello.

O documento, titulado «Proyecto de edificio para uso de sala de lectura», non cumpre os requisitos técnicos para ser unha biblioteca real, limitándose a un espazo multiusos sen fondos bibliográficos, servizo de préstamo nin persoal cualificado. Esta situación, segundo o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, frustra as expectativas da veciñanza tras 11 anos de promesas incumpridas.

Sala de lectura, non biblioteca

Igrexas mantivo, xunto a concelleira Ana Martínez, unha xuntanza con responsables de BAMAD, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza, para analizar as deficiencias do proxecto que foi elaborado sen contar co imprescindíbel plan de usos.

O documento, de máis de mil páxinas, apenas menciona a palabra «libros» tres veces, en acotacións xenéricas, e define o espazo como unha «sala de lectura» pensada para actividades diversas como charlas, clases ou exposicións. «Contémplase a sala de lectura como principal actividade, pero pensando nun espazo versátil e diáfano susceptíbel de ser transformado nun salón de usos múltiples», reza literalmente o proxecto, o que para o portavoz municipal nacionalista evidencia a falta de compromiso cunha biblioteca funcional.

Redución de espazo e incumprimento de estándares

O proxecto reduce drasticamente a superficie, pasando dos máis de 1.000 metros cadrados do antigo centro de saúde de Teis a apenas 250. Un tamaño insuficiente segundo os estándares do Mapa de Bibliotecas de Galiza, que establecen que unha biblioteca para a poboación de Teis debería ter, como mínimo, 400 metros cadrados, un fondo de 20.000 libros e documentos, e un cadro de persoal de cinco profesionais.

Porén, o proxecto aprobado polo goberno local non prevé espazos para fondos bibliográficos, mostrador de atención ao público nin áreas de traballo suficientes para persoal bibliotecario. «É moi preocupante que o Goberno municipal aprobase un proxecto que non reúne as condicións técnicas para ser unha biblioteca de verdade», lamentou Igrexas.

Rectificar o proxecto

Fronte a este «despropósito», o BNG comprometeuse a trasladar ao goberno municipal as achegas técnicas e recomendacións de BAMAD para corrixir o proxecto. A formación nacionalista aposta por garantir que Teis conte cunha biblioteca que responda ás necesidades do barrio, con espazos adecuados, fondos suficientes e persoal especializado. «Despois de 11 anos e máis de 20 anuncios, Abel Caballero non pode seguir tomándolle o pelo á veciñanza. Imos esixir unha rectificación para que Teis teña, si ou si, unha biblioteca de verdade», concluíu Igrexas.

O BNG continuará traballando con entidades especializadas e coa veciñanza para vixiar o desenvolvemento do proxecto e asegurar que o resultado final cumpra os estándares dunha biblioteca moderna e funcional, evitando que se repita o modelo da sala de estudo de Navia, que carece de libros e servizos bibliotecarios. 

Related posts

AFAGA entrega os premios do seu XI Certame Literario de Relato Curto ‘Nun Recuncho da Memoria’ 2025

O envorco dun coche en Cerceda deixou unha persoa falecida | Tamén falece outra que caeu por un terraplén na Veiga

Un autobús atropelou a catro persoas cando manobraba nas proximidades dunha discoteca en Pontecesures