O Bloque Nacionalista Galego valorou como «rotundamente insuficiente» a conxelación de taxas e impostos municipais anunciada este pasado xoves polo alcalde, Abel Caballero, para o vindeiro ano. Demandan avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta, alargando as bonificacións e exencións co obxectivo de lograr que «quen menos ten, pague menos» e tamén axudar a sectores como o pequeno comercio.
«No actual contexto de crise, cunha inflación disparada que engule salarios e pensións e que coloca a moitos fogares da nosa cidade nunha situación límite, non abonda cunha conxelación», explicou o concelleiro do BNG na cidade de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista aludiu tamén ao crecente nivel de pobreza e de empobrecemento na maior cidade galega, que só nos primeiros meses deste ano aumentou por volta dun 10%, asi como á difícil situación que atravesan sectores como o pequeno comercio.
Neste sentido, Igrexas anunciou que o BNG vai promover unha ampla batería de emendas durante a tramitación das ordenanzas fiscais co obxectivo de poñer en marcha unha reforma fiscal moito máis profunda.