O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar 83 emendas parciais ao proxecto de Orzamentos Municipais de Vigo para 2023. A fronte nacionalista formula así alternativas a unhas contas que tacha de «catálogo propagandístico» do goberno de Abel Caballero, e nas que suma propostas e demandas recollidas nun Encontro Aberto con movementos sociais e asociacións veciñais da cidade.
«Os orzamentos do grupo municipal socialista poden resumirse en apenas tres palabras: máis do mesmo», cuestionou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que o Goberno local elaborara de novo as contas «de forma obscenamente antidemocrática, sen participación nin diálogo» e reprochou que presente un proxecto que non dá respostas á crise social, que perpetúa o abandono dos barrios e parroquias e insiste na privatización de servizos públicos do Concello.
Igrexas subliñou que, diante da «xordeira autoritaria» do alcalde, o BNG si está «disposto a escoitar e contar coa opinión da veciñanza». Nese sentido, puxo en valor as achegas recollidas nas emendas parciais da fronte nacionalista, a única forza política da Corporación municipal que formulou propostas concretas en lugar dunha emenda á totalidade para a devolución das contas. «Fixemos ese esforzo de concretar alternativas na certeza de que a cidade precisa solucións e non apenas críticas ou queixas», explicou.