O BNG de Vigo propón estudar a creación dunha empresa municipal que xestione o servizo de bus urbano

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego vén de propoñer que o Concello de Vigo encargue de urxencia un estudo de cara á constitución dunha empresa municipal de servizos que poida asumir xestión directa do bus urbano en Vigo, ante as presuntas perdas millonarias que alega a concesionaria Vitrasa e a pretensión de reducir un 40% os salarios do persoal. A fronte nacionalista reitera a necesidade de que o goberno de Abel Caballero actúe de forma urxente despois de que a empresa teña asegurado estar incursa en risco de quebra.

«Estase xogando cun servizo esencial como o bus urbano, e xogando de maneira inxustificada, arbitaria e irresponsábel coas condicións laborais do persoal de Vitrasa», advertiu en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, tras manter unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa.

Igrexas cuestionou as «presuntas perdas millonarias» que alega a concesionaria para pedir a aplicación dun descolgue salarial que emprobeza as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras. O edil nacionalista apuntou que non hai constancia de que Vitrasa teña rexistrado as contas do ano 2021 nin que teña acreditado o desequilibrio económico-financeiro.