O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón facer gratuíto o bus urbano para persoas desempregadas, perceptoras de axudas sociais e menores de 14 anos. A fronte nacionalista demanda un maior esforzo para combater a crise derivada do aumento da inflación, que disparou nun 20% os custos do transporte no último ano, e considera «insuficiente» a bonificación do billete anunciada polo alcalde, Abel Caballero, a cargo dunha subvención estatal.
«Hai que facer unha aposta máis decidida por facilitar o acceso e abaratar a utilización dun servizo esencial como o bus urbano», defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que salientou a importancia desta proposta como medida de choque para protexer ás familias traballadoras e ás persoas máis vulnerábeis no actual contexto de crise.