O BNG de Vigo propón un programa municipal de alimentos ante a crise e a pobreza

Xabier Perez Igrexas - BNG Vigo.

O Bloque Nacionalista Galego propón un programa municipal de distribución de alimentos e bens de primeira necesidade diante do agravamento da crise e da pobreza en Vigo. A fronte nacionalista vén de anunciar unha emenda, a través dun voto particular, á proposta de modificación orzamentaria –que será sometida a aprobación a vindeira semana no Pleno municipal– coa que demandarán para este programa máis de 1,8 millóns de euros adicionais aos 32 millóns que o goberno de Abel Caballero quere mobilizar dos remanentes municipais.

“O agravamento da crise está a golpear moi duro aos sectores máis vulnerábeis da nosa cidade”, asegurou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que en Vigo hai máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza. “Son varios centos as familias que teñen que acudir diariamente ou a comedores sociais ou organizacións asistenciais para garantiren algo tan básico como a súa alimentación”, alertou.