O BNG de Vigo propuxo á/os Viguesas/es Distinguidas/os 2024

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego propón nomear o Comité de Vitrasa, a escritora María Reimóndez e a Libraría Cartabón como Viguesas e Vigueses Distinguidos este ano 2024. A fronte nacionalista pide poñer en valor con este recoñecemento a loita do persoal de bus urbano por ser «parte do ADN de Vigo» como cidade reivindicativa, o papel dunha muller referente da literatura galega e o traballo deste establecemento do Calvario como espazo potenciador da cultura durante catro décadas.

«Estas distincións teñen que ser reflexo da diversidade e pluralidade da cidade, poñendo fin a súa utilización autoritaria por parte do Goberno de Abel Caballero», defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lamentou que nos últimos anos o alcalde impuxera o seu «veto antidemocrático» ás propostas realizadas por outros grupos políticos e, especialmente, aquelas formuladas desde o Bloque.