O BNG de Vigo reclamou no Pleno unha AP-9 galega e libre de peaxes

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeitou este mércores no Pleno municipal a «estafa» das peaxes da AP-9 diante da pretensión «inxustificada e abusiva» de Audasa de incrementalas un 9% o próximo ano. A fronte nacionalista acusou —en resposta á moción formulada polo grupo municipal popular para demandar a conxelación das peaxes— aos sucesivos Gobernos españois de PP e PSOE de prorrogar até a «agonía este insoportábel calote diario».

«Hai que recoñecerlle ao grupo municipal do PP valor para traer ao Pleno do Concello de Vigo unha moción en relación á AP-9, cando foi o PP de Álvarez Cascos ou de Ana Pastor quen prorrogou esta estafa», criticou na sesión o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que formulou unha emenda, que foi rexeitada polos populares, para incorporar outros acordos complementarios á solicitada conxelación das peaxes.

Así, o edil nacionalista propuxo recoller na moción a necesidade de avanzar na transferencia da titularidade e da xestión da autoestrada á Xunta de Galiza, tal como ten reclamado de forma reiterada e por unanimidade o Parlamento galego.