O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá un roteiro guiado para dar a coñecer «O Vigo de Fernández del Riego». Unha iniciativa coa que queren dar a coñecer a figura do senlleiro galeguista e a súa fonda pegada na cidade e que contrapoñen á «inexplicábel e ofensiva inacción do Concello de Vigo» que non realizou ningunha actividade malia ser o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2023.
O roteiro iniciouse ás 10:15 no IES Castelao, no Calvario, e despois de atravesar diferentes puntos da cidade relacionados con «Don Paco», está previsto que conclúa na Pinacoteca que leva o seu nome. O mesmo foi guiado polo profesor, crítico literario e académico correspondente da Real Academia Galega, Ramón Nicolás.
Francisco Fernández del Riego naceu en Lourenzá, pero despregou todo o seu traballo cultural e político en Vigo. A editorial Galaxia, o seu traballo como investigador da nosa literatura e a nosa cultura, o seu traballo na Biblioteca Penzol, e o legado documental e artístico que deixou nesta cidade, «son elementos máis que suficientes para considerar Fernández del Riego unha persoa chave na historia de Vigo», explicou no inicio do acto a concelleira e responsábel de Cultura do BNG de Vigo, Ana Martínez.