O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de reivindicar no Calvario un modelo de cidade máis «habitábel, natural e coas persoas no centro» durante un roteiro celebrado este domingo pola historia do barrio. A fronte nacionalista quere poñer en valor así a transformación de espazos como o propio Calvario, a Praza da Independencia ou o Casco Vello realizada durante a alcaldía do BNG, en contraposición co «remozado superficial» de rúas que promove o actual Goberno municipal.
«Humanizar é moito máis que alargar un pouco as beirarrúas, ou instalar uns cantos bancos. Humanizar é democratizar o espazo público, facendo que a veciñanza gañe espazo sobre os coches», defendeu o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a crear espazos seguros para a convivencia interxeracional, para o xogo libre das crianzas e a convivencia coas persoas maiores.