O Bloque Nacionalista Galego de Vigo rexeita a proposta de orzamentos municipais do goberno de Caballero por estar “fóra da realidade” e ignorar a emerxencia social na cidade. A fronte nacionalista critica que o PSOE tombase no Pleno municipal celebrado este venres as 83 propostas do Bloque para reorientar as contas do Concello para o vindeiro ano.
“As emendas do BNG eran unha oportunidade honesta para que o Goberno local rectificase e actuase para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses”, lamentou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou o proxecto de orzamentos dos socialistas de “récord en xordeira e miopía” pola falla de diálogo na súa elaboración e por virar as costas ás crecentes dificultades de moitos fogares neste contexto de crise e inflación disparada, con recortes en política social.
Así, todas as alternativas formuladas polas nacionalistas como emendas parciais aos orzamentos resultaron rexeitadas polo PSOE, entre elas o aumento do gasto en políticas sociais e emprego, o reforzo dos servizos públicos municipais, melloras nas políticas en favor da igualdade, para máis cultura e políticas para a mocidade e por un avance cara un Vigo máis verde e ecolóxico.