O BNG de Vigo solicita medidas ante o centenar de contaxios na residencia DomusVi Bembrive

1 minutes read

A fronte nacionalista vén de formular no Parlamento galego unha batería de preguntas para que a Xunta aclare a situación actual e explique que accións está a levar a cabo para garantir que o gromo non está a supoñer un deterioro na atención e coidados das persoas usuarias, tal como demandan as familias.

«A Consellaría de Política Social debe facer un maior esforzo por manter as familias informadas nesta situación excepcional. A elevada porcentaxe de persoas infectadas, tanto entre as persoas usuarias como entre o persoal, xera unha preocupación lóxica», instou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, que lamentou a falta de transparencia da Xunta.

Fernández alertou que o gromo, que afecta a un 70% das persoas usuarias, pode provocar «numerosas dificultades no funcionamento do centro», como a loxística para illar ás contaxiadas ou a afectación sobre o persoal, con 13 traballadores e traballadoras positivos. Dificultades que, temen desde os colectivos de familiares e persoas usuarias, poidan estar minguando a calidade asistencial dos e das maiores.