O Bloque Nacionalista Galego urxe a posta en marcha do protocolo de submisión química contra as mulleres na área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar á Xunta de Galiza que active nun prazo máximo dun mes este protocolo, só dispoñíbel na área de Ourense, após o compromiso da Xerencia do Sergas en marzo de estendelo ao conxunto da rede pública.
«A área sanitaria de Vigo continúa sen contar cun protocolo de actuación de submisión química, que van máis alá dos casos de pinchazos denunciados estes días, senón que existen moitas outras formas xa coñecidas desde hai tempo para as que non existen respostas», denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, que cualificou de «incomprensíbel» a demora na posta en marcha destes protocolos.