O Bloque Nacionalista Galego urxe a Xunta de Galiza a «axilizar o máximo» a construción do novo instituto de secundaria para o barrio de Navia, despois de «demasiados anos de promesas incumpridas». Así o demandou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que criticou que «a Xunta do Partido Popular leva moitísimos anos tomándolle o pelo á veciñanza de Navia e ao conxunto da cidade con promesas e anuncios que até o momento quedaron en nada».
Diante da recente licitación dos traballos de elaboración do proxecto construtivo para o novo instituto e do aparente desbloqueo da sinatura do convenio para que o Concello de Vigo ceda os terreos, Igrexas valorou que «fica claro que o único motivo polo que a día de hoxe Navia segue sen o novo instituto prometido hai máis de 5 anos é pola falla de vontade do Partido Popular».
Neste sentido, denunciou que «a contratación do proxecto demostra que se non fixo antes é porque non se quixo», botando por terra as «escusas» do Goberno galego por causa de non ter subscrito inda o convenio co Concello para a cesión dos terreos nos que se vai edificar.