O BNG de Vigo urxe o relevo de Vázquez Almuíña na presidencia da Autoridade Portuaria

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego urxe a destitución e relevo de Jesús Vázquez Almuíña na presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo. A fronte nacionalista considera incompatíbel que manteña o seu cargo após ser nomeado como candidato popular á alcaldía de Baiona e advirte ao PP de que esta institución chave da cidade non pode continuar a ser unha “especie de senado local ou balneario” para os seus altos cargos.

“O Porto de Vigo xoga un papel fundamental e estratéxico no desenvolvemento económico de Vigo e da súa área e merece moito máis respecto do que está a demostrar nos últimos anos o PP”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Non podemos permitirlle ao PP que continúe a utilizalo para colocar dirixentes en fase de retiro nin para os seus reservistas que están á espera de novas misións”, engadiu.

O candidato nacionalista cualificou o papel de Vázquez Almuíña ao fronte da Autoridade Portuaria de “inercia nefasta” e criticou que deixe como principal legado o último recheo portuario na cidade. “É responsábel de cementar máis de 8.500 metros cadrados no Berbés sen ningún tipo de xustificación nin necesidade, e incorrendo nunha gravísima agresión ambiental contra a ría de Vigo”, lembrou.