O BNG de Vigo urxirá no Pleno solucións para Barreras e o antigo Vulcano


O Bloque Nacionalista Galego demandará, a través dunha moción, que o Pleno do Concello de Vigo urxa á Xunta e Goberno español a despregar medidas inmediatas para resolver a situación crítica que atravesa Barreras, reanudar a actividade no antigo Vulcano e blindar o futuro do conxunto do sector naval. A iniciativa nacionalista reclama tamén ao alcalde, Abel Caballero, que convoque unha xuntanza extraordinaria e urxente do Consello Social da cidade para articular unha resposta “en chave de cidade” fronte a situación do naval e a crise industrial que padece Vigo.

O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, presentou en rolda de prensa a moción que a fronte nacionalistsa defenderá no Pleno do Concello, na que demandan a adopción de medidas urxentes para resolver a crise do sector naval.

Igrexas subliñou a importancia “estratéxica” desta actividade como “motor industrial” e alertou da situación “absolutamente límite” que atravesa, e que inscribiu nun contexto de “agudo devalar industrial” da cidade como, segundo apuntou, demostran os datos EPA nos que se recolle que no último ano se destruíron 5.700 empregos industriais na cidade.