O pleno municipal aprobou uns orzamentos de 9.405.911 euros, sen incrementar os impostos nin as taxas municipais.
Unhas contas que sitúan as persoas no centro das prioridades, apostando polo benestar social, os servizos públicos, a cultura, o deporte, o comercio local e o tecido asociativo.
Contemplan 1.117.000 euros en investimentos para seguir mellorando as infraestruturas e os servizos nas parroquias, así como novas oportunidades de futuro para Vimianzo.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu o apoio do BNG, respectou a abstención do Partido Popular e destacou o traballo do persoal municipal.
«Seguiremos traballando desde o diálogo, a concordia, a convivencia e o respecto institucional. Coas portas abertas para escoitar e coa vontade de petar en todas as portas, porque por riba de calquera diferenza están Vimianzo e os seus veciños e veciñas».
A rexedora concluíu reafirmando o compromiso do Goberno municipal: «A nosa prioridade é, e seguirá sendo, Vimianzo e a súa xente».
O BNG emitía un comunicado informando que «Apoiamos as contas por incluír obras urxentes e propostas nosas, como a estrada de Areosa – Castro ou os viais de Bamiro», indicaron os nacionalistas, que pola contra, lamentaron o rexeitamento do saneamento de Serramo e reclamaron a execución das actuacións pendentes na Devesa e Berdoias, así como a recolocación da escola infantil.
O BNG abstívose na cuestión relativa ao camiño de Sanfíns e denunciou a falta deliberada de transparencia do goberno municipal, «ao ocultar informes á oposición e impedir unha valoración rigorosa da problemática».
A formación nacionalista criticou a falta de ambición do goberno municipal, que, ao seu xuízo, continúa apostando por políticas clientelares, polo cemento e polo despilfarro, en lugar de impulsar políticas de calado que fagan medrar o concello.
Por último, na quenda de rogos e preguntas, o BNG reclamou actuacións en Bamiro e criticou o desinterese da alcaldesa pola licitación do servizo de recollida do lixo, cuxo contrato leva máis de tres anos caducado.
O portavoz municipal dos nacionalistas, Benxamín Queiro, advertiu que «corremos o risco de que ocorra o mesmo que co servizo da escola infantil».
