O BNG de Vimianzo pide saneamento e seguridade peonil na estrada Caxadas-Baíñas

1 minutes read

Os nacionalistas consideran que esta é a segunda gran oportunidade en poucos anos para acometer actuacións de calado en Caxadas, Roalo, Cerbán e Padreiro e reclaman a creación dun itinerario peonil seguro neste último núcleo.

O novo proxecto da Deputación da Coruña conta cun orzamento de 442.900 euros, pero non contempla a implantación dunha nova rede de saneamento nin a construción dunha senda peonil en Padreiro. A actuación céntrase fundamentalmente na renovación do firme e noutras intervencións complementarias.

“Temos por segunda vez en poucos anos un investimento importante nesta estrada e consideramos que é unha oportunidade que debe aproveitarse para resolver necesidades fundamentais da veciñanza. Non podemos limitarnos a renovar o firme sen estudar ao mesmo tempo o saneamento dos núcleos e a seguridade das persoas que se desprazan a pé por Padreiro.”

O BNG reclama que, antes do inicio das obras, Concello e Deputación coordinen as actuacións necesarias para avanzar no saneamento de Caxadas, Roalo, Cerbán e Padreiro, evitando que futuras intervencións poidan obrigar a actuar novamente sobre zonas recentemente renovadas.

Do mesmo xeito, os nacionalistas propoñen a creación dunha senda ou itinerario peonil seguro en Padreiro, onde actualmente existen zonas sen un espazo axeitado para que a veciñanza poida desprazarse a pé separada do tráfico.