O BNG de Vimianzo propón a creación dunha Casa da Xuventude no municipio

O BNG de Vimianzo presentará no pleno municipal que se celebrará este venres 6 de febreiro, unha moción para impulsar a adquisición de terreos ou inmobles en desuso, co obxectivo de crear unha Casa da Xuventude, un espazo público pensado especificamente para a mocidade do concello.

Desde o BNG sinalan a falta de espazos e actividades dirixidas ás persoas mozas como unha das carencias estruturais do municipio, nun contexto marcado polo envellecemento da poboación e pola marcha da xente nova a outros lugares con máis oportunidades e recursos.

A proposta aposta pola rehabilitación de edificios en mal estado ou sen uso, dándolles unha función social que permita ofrecer alternativas de ocio saudable, formación, participación e encontro para a mocidade de Vimianzo.

O portavoz municipal do BNG, Benxamín Queiro, afirmou que  “é triste que a mocidade non teña espazos propios e se vexa obrigada a refuxiarse baixo os portais, cando podería estar desenvolvendo actividades que melloren o seu futuro e o do municipio”.

A moción tamén recolle a necesidade de contar coa participación directa da mocidade no deseño e funcionamento da Casa da Xuventude.

Related posts

Formación na Laracha sobre a figura do facilitador ou facilitadora procesual

«Namórate do teu comercio», campaña do CCA Carballo para o Día dos Namorados

O BNG pide a Madrid que elimine a cita previa nas oficinas públicas da Costa da Morte