O BNG de Vimianzo abstívose na aprobación do POS proposto polo goberno municipal na sesión plenaria celebrada este mércores 10 de xuño, logo de valorar positivamente actuacións como a intervención na ponte de Pasarela e a construción da pista multideporte. Porén, mostrou o seu desacordo coa decisión do goberno local de destinar arredor do 90 por cento dos fondos a gasto corrente e pequenas actuacións puntuais, reservando unicamente o 10 por cento para investimentos. Ao seu xuízo, esta decisión prioriza obras pequenas e improvisadas fronte á planificación de actuacións de futuro.
Ademais, a formación nacionalista votou en contra da nova ordenanza de taxas ao considerar que os espazos municipais deben ser puntos de encontro diario da veciñanza. “Favorecen a convivencia e axudan a combater a soidade non desexada, polo que cobrar polo seu uso habitual vai en contra da finalidade para a que foron creados”, sinalaron os nacionalistas.
o BNG abstívose respecto á Relación de Postos de Traballo (RPT), criticando a desestimación das alegacións presentadas por varios traballadores, e cuestionou valoracións que considera desiguais e arbitrarias entre diferentes grupos laborais.
Nos rogos, o grupo nacionalista solicitou a construción de beirarrúas en Vilaseco, medidas de seguridade na canteira de Caxadas e actuacións para mellorar a seguridade viaria e os accesos en Ogas e na vía Areosa-Salto.