O BNG defende a participación cidadá nas autorizacións de parques eólicos


O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo unha xuntanza con representantes de distintos colectivos e asociacións de protección do medio ambiente así como de plataformas comarcais de defensa colectiva ante a agresión da implantación sen control e planificación de parques eólicos na Galiza. Rego, trasladou o seu compromiso con esta cuestión e anuncia a presentación de emendas na tramitación como proxecto de lei do Real decreto para eliminar os artigos 6 e 7 que pretenden prescindir dos trámites de alegación e participación cidadá, e que ademais presentará outra emendas para sentar as bases dun procedemento de implantación racional e que respecte a poboación, as terras agrarias e o medio natural e o patrimonio cultural.

O Goberno do Estado aprobou un Real Decreto que agochaba dous artigos que eliminaban a posibilidade de participación pública nas autorizacións de parques eólicos de até 75 Mw e que permite prescindir da Declaración de Impacto Ambiental. “No momento da súa convalidación, o BNG logrou presionar o Goberno que se viu forzado a aceptar a súa tramitación como proxecto de lei e, por tanto, a posibilidade de modificar ou eliminar os devanditos” puntualiza Rego.

O deputado do BNG salienta que é necesaria unha mudanza de modelo, pois “non podemos permitir a grave afectación que a implantación de todos os proxectos actualmente en trámite ou previstos terá no noso País, hai  que protexer as persoas, o medio e o patrimonio. Esa garantía non pode ser eliminada para maior lucro das grandes compañías eléctricas”, concluíu.