O Bloque Nacionalista Galego demanda a fábrica de baterías en Vigo como “irrenunciábel” para evitar que o sector da automoción quede “fóra de xogo”. Así o defenderon este mércores a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, que urxiron medidas da Xunta de Galicia que garantan o futuro do sector ante a perda de miles de empregos industriais na cidade, din, dende a chegada do PP ao Goberno galego.
“A decisión de Stellantis de levar para Zaragoza a súa planta de baterías é un novo golpe á industria do automóbil na área de Vigo que de novo fai saltar todas as alarmas”, advertiu González, que anunciou iniciativas no Parlamento galego para reclamar a posta en marcha dun Plan Galego pola Automoción, que promova a instalación de novos actores e actividades industriais que rachen coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante.