O deputado do BNG no Parlamento de Galiza Daniel Pérez, portavoz de emprego e turismo e deputado pola Costa da Morte e Bergantiños, achegouse este sábado ata Muxía para visitar o secadoiro de congro propiedade de Miguel Diz e o seu avó, o último artesanal que se conserva no país, e que supón un dos últimos vestixios dun oficio senlleiro que se remonta á Idade Media.
Malia esa singularidade, o secadoiro de congro de Miguel Diz e o seu avó corre o risco de desaparecer, ao pender sobre eles una proposta de sanción tras ser obxecto dunha inspección de sanidade, que provocou que a última partida quedase inmobilizada.
O deputado achegouse a Muxía para falar cos propietarios e interesarse pola cuestión, e comprometeuse a levar ao Parlamento as iniciativas que sexan precisas para protexer o seu oficio e que se recoñeza, máis aló do seu interese turístico, culinario e económico, como parte do noso patrimonio cultural inmaterial.