O Bloque Nacionalista Galego realizou unha acción simbólica na entrada da Autoestrada do Atlántico no barrio de Teis, en Vigo, para reclamar a gratuidade e transferencia inmediata da AP-9 a Galicia. A fronte nacionalista denuncia a actitude do PSOE por non ter retirado as emendas que afectan substancialmente o texto aprobado no Parlamento de Galicia pola unanimidade da cámara e non respectando os últimos acordos da institución galega. Segundo explica o deputado Néstor Rego, debe existir a suficiente presión política e social na Galiza «para que a posición do Partido Socialista se modifique e respecte o que soberanamente decidiu o noso Parlamento». Do contrario, alega, estarían a faltar ao respecto a unha institución como o Parlamento de Galiza e ao conxunto dos galegos e galegas: «estanlle mentindo á Galiza porque din que van facer unha cousas cando están facendo a contraria» declara o deputado nacionalista.
29