BNG e PSdeG inconformes cos orzamentos da Xunta para a Costa da Morte

5 minutes read

O responsable comarcal da Costa da Morte do Bloque Nacionalista Galego, Xurxo Rodríguez, valorou de forma inicial os orzamentos previstos para 2027 presentados pola Xunta de Galiza para a Costa da Morte e calificounos de “cosméticos e insuficientes”. Indicou que son cosméticos “porque serven para tapar a incapacidade do Goberno galego de apostar por políticas de carácter social, que é o que espera a xente, e que se traduce en cartos para investir en Vivenda, en Sanidade, en Servizos Sociais e en medidas que axuden á xente contra a subida dos prezos dos carburantes e da enerxía”.

O BNG afirmou que na Costa da Morte a Xunta non ten previsto facer ningunha vivenda de protección oficial, nin para alugar nin para mercar. “Cero vivendas feitas en 17 anos do goberno de Feijoo e Rueda, nun momento en que os veciños e veciñas consideran que este é o primeiro problema que teñen”.

Os nacionalistas tamén subliñaron que o executivo galego segue sen poñer en marcha novos servizos sanitarios no hospital de Cee e sen ampliar a psiquiatría cun facultativo máis, e cren que “é unha burla” que volvan a vender a adquisición dun mamógrafo que xa anunciaron no 2025 que sería instalado no 2026. “Tómannos por parvos”, sinalou o portavoz comarcal do BNG, que apuntou que “seguen sen dotar un ano máis cunha partida concreta para iniciar as obras do centro de saúde de Fisterra, aínda que parte da culpa é do goberno municipal de Fisterra, tamén do PP, por non ceder as parcelas de terreno á Consellería no ano e pico que levan gobernando”.

O BNG considera que o PP vai condenar outro ano máis á Costa da Morte sen residencia e sen centros de día, polo que os dependentes de grado 2 e 3 non van ter un centro na comarca. “A Xunta segue negándose a aportar un céntimo ao centro de día de Corcubión, e xa non é que non o queiran xestionar, e que non concederon nin teñen previsto conceder nin un patacón para que se poida abrir canto antes”, criticou a formación.

Os nacionalistas indistiron en que “son moitas as infraestructuras que van seguir esperando a que chegue outro goberno á Xunta de Galiza, para que se poida executar a conexión do corredor co polígono de Vimianzo, para comezar as obras do Porto Mixto de Corcubión, para realizar as obras de saeneamento en Lariño e nos núcleos rurais de Muxía, ou para eliminar a peaxe da autovía AG-55; porque outro ano máis non aparecen nos orzamentos do PP para o 2027”.

Xurxo Rodríguez declarou que “son unhas contas insuficientes, incluso repiten investimentos que xa deberan estar feitos hai anos. As rebaixas fiscais que anunciou o PP son unha miseria, que só van a beneficiar aos máis ricos. A nosa  veciñanza quere medidas que poida palpar e apreciar no día a día, que lle sirva para estirar os salarios no supermercado ou na gasolineira, ou para non ter que pagar as peaxes na autovía Carballo-Coruña”.

O portavoz comarcal engadiu que “na nosa comarca o PP só sabe prometer, niso a verdade é que non hai quen lles gañe; agora cumprir, máis ben nada ou moi pouquiño. Esperamos que esas promesas eternas sexan algún día realidade, e iso farémolo cando o BNG goberne a Xunta de Galiza”.

Os socialistas denuncian que os orzamentos da Xunta volven deixar Bergantiños á marxe das prioridades do Goberno galego 

Os socialistas denuncian que os orzamentos para 2027 anunciados pola Xunta de Galicia volven deixar Bergantiños á marxe dos investimentos estratéxicos do Goberno galego. O PSdeG-PSOE considera que as contas autonómicas recollen actuacións puntuais, pero carecen dunha planificación que permita impulsar o desenvolvemento económico, crear emprego de calidade, reforzar os servizos públicos e garantir oportunidades de futuro para a veciñanza da comarca.  

Entre as partidas previstas destacan os 3 millóns de euros para a variante de Carballo e máis de 7 millóns para vivenda pública; arredor de 1,35 millóns para o abastecemento de auga en Cabana de Bergantiños; aproximadamente 1,14 millóns de euros para saneamento en Malpica; 1,3 millóns para a EDAR de Traba, en Laxe; e arredor de 750.000 euros para actuacións en Ponteceso. 

Especialmente preocupante é a situación de Coristanco, que non conta con investimentos específicos identificados na documentación orzamentaria. Os socialistas consideran grave este dato e critican que siga sen existir un compromiso económico visible para desenvolver o polígono industrial, unha infraestrutura fundamental para atraer empresas e xerar emprego. 

Dende o PSdeG-PSOE advirten tamén de que o problema non é só a falta de novos investimentos, senón a reiteración de partidas que se anuncian ano tras ano sen traducirse en obras rematadas. «Infraestruturas como a VAC da Costa da Morte aparecen reiteradamente nas previsións da Xunta, con novas anualidades e compromisos, mentres os prazos se alongan e a realidade das obras non sempre avanza ao ritmo anunciado», sinalan. 

Neste sentido, reclaman á Xunta transparencia sobre o grao de execución dos investimentos previstos nos últimos exercicios, detallando que proxectos foron licitados, adxudicados ou rematados e que cantidades quedaron sen executar. 

Os socialistas consideran que Bergantiños precisa unha aposta decidida pola sanidade, a mobilidade, a industria e os servizos públicos, así como unha estratexia que permita aproveitar o potencial económico e pesqueiro da comarca. Por iso, esixen á Xunta un plan de investimentos para esta comarca con proxectos concretos, financiamento suficiente, prazos verificables e un seguimento público da súa execución. 

«Bergantiños non precisa máis anuncios nin promesas que se repiten cada ano. Precisa obras rematadas, servizos reforzados e compromisos cumpridos», conclúen dende o partido socialista.