O BNG demanda acordos concretos en favor de Vigo

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego afirma que lamenta a falla de acordos na reunión mantida esta semana entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a nova delegada territorial da Xunta de Galiza, Ana Ortiz. Dende a fronte nacionalista afean que o encontro se limitase a un “posado fotográfico” e demandan avances concretos en favor da cidade.

“O BNG consideramos fundamental pasar dos xestos aos compromisos, da cortesía institucional a unha verdadeira cooperación entre a Xunta e o Concello de Vigo para atender, dunha vez por todas, as necesidades da maior cidade galega”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen pediu que PP e PSOE paren de “xogar ao canto peor mellor” con Vigo.

Igrexas chamou nese sentido ao Goberno municipal e á Xunta a deixar de utilizar ás viguesas e vigueses como “reféns da súa permanente lea partidista”. Unha disputa “estéril”, a xuízo do voceiro nacionalista, na que ambas forzas políticas “cren gañar algo mais na que sempre acaba perdendo a cidade”.

O portavoz do BNG asegurou que o “máis beneficioso para Vigo non é ter un inimigo exterior ao que culpabilizar de todo, como parece buscar sempre Abel Caballero”. Na mesma liña, censurou que a Xunta poña a confrontación como “coartada” para seguir “desertando das súas responsabilidades e competencias” na principal cidade de Galiza.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?