O Bloque Nacionalista Galego afirma que lamenta a falla de acordos na reunión mantida esta semana entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a nova delegada territorial da Xunta de Galiza, Ana Ortiz. Dende a fronte nacionalista afean que o encontro se limitase a un «posado fotográfico» e demandan avances concretos en favor da cidade.
«O BNG consideramos fundamental pasar dos xestos aos compromisos, da cortesía institucional a unha verdadeira cooperación entre a Xunta e o Concello de Vigo para atender, dunha vez por todas, as necesidades da maior cidade galega», valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen pediu que PP e PSOE paren de «xogar ao canto peor mellor» con Vigo.
Igrexas chamou nese sentido ao Goberno municipal e á Xunta a deixar de utilizar ás viguesas e vigueses como «reféns da súa permanente lea partidista». Unha disputa «estéril», a xuízo do voceiro nacionalista, na que ambas forzas políticas «cren gañar algo mais na que sempre acaba perdendo a cidade».
O portavoz do BNG asegurou que o «máis beneficioso para Vigo non é ter un inimigo exterior ao que culpabilizar de todo, como parece buscar sempre Abel Caballero». Na mesma liña, censurou que a Xunta poña a confrontación como «coartada» para seguir «desertando das súas responsabilidades e competencias» na principal cidade de Galiza.