O Bloque Nacionalista Galego demanda explicacións da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo polas verteduras producidas nos pasados días nos ríos Eifonso e Barxa como consecuencia dos traballos preliminares para o proxecto de nova variante da A-52. A fronte nacionalista interpela a ambas administracións para que respondan pola contaminación destes cursos fluviais, denunciada pola propia veciñanza e por colectivos ambientais, e chama a avanzar na protección destes importantes espazos naturais.
«Vimos de trasladar unha pregunta dirixida a Augas de Galiza para que dea explicacións sobre que está pasando nestas catas xeolóxicas», subliñou a deputada do BNG no Parlamento, Alexandra Fernández, que pide ao Goberno galego que confirme se autorizou estas verteduras en ambos ríos e, en caso contrario, que explique que actuacións tomou contra as empresas responsábeis.