O BNG demanda melloras no tren de proximidade


O BNG demanda un tren de proximidade do século XXI que comunique as vilas e cidades de Galicia con horarios, duración de traxectos e prezos competitivos e adaptados ás necesidades de traballo, de xestións, de estudo ou de ocio da cidadanía, e para iso, unha ampla representación de responsables nacionalistas, encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha viaxe reivindicativa collendo o tren entre Ferrol e A Coruña. 

“Con esta viaxe quería poñerme na pel dunha persoa traballadora, dun estudante ou de calquera veciño e veciña que queira usar o tren para desprazarse entre ambas cidades, pero que se topa coa realidade de que é case misión imposible usar este medio de transporte de xeito habitual por tres motivos: a falta de horarios, a duración dos traxectos e mesmo o prezo dos billetes”, sintetizou a líder do BNG a súa chegada á estación coruñesa.

“Case podemos dicir que son heroes e heroínas as persoas que deciden coller o tren”, recalcou, pois aparte das mínimas frecuencias horarias, a duración do percorrido duplica e mesmo pode chegar a triplicar os trinta minutos que leva facer o traxecto por estrada. 

A imposibilidade de usar o tren como medio habitual para viaxar de Ferrol-A Coruña, e viceversa, non é un caso illado, pois fora do eixo atlántico a opción do ferrocarril para desprazarse polo País non é funcional lastrada pola falta de investimentos e polo progresivo desmantelamento.