O Bloque Nacionalista Galego presentou en Vigo a súas emendas aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2021, nas que demandan un aumento do investimento na cidade olívica por volta dos 105 millóns de euros. As propostas da fronte nacionalista están centradas en enfrontar os efectos socioeconómicos da pandemia, o reforzamento dos servizos públicos a atención de necesidades infraestruturais.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, criticou a proposta de presupostos elaborada polo Partido Popular xa que, segundo apuntou, non están centrados en promover a reactivación de Galiza para superar a crise derivada do coronavirus. Neste sentido, González, lembrou que a fronte nacionalista promoveu unha emenda á totalidade na que, precisamente, remarcaban a necesidade de poñer en marcha un ambicioso plan de reconstrución que incluíse medidas específicas para o rescate de sectores como o comercio ou a hostalaría.
González cargou contra unhas contas «continuistas e de inercia» que non están á altura das necesidades sociais nin apostan no desenvolvemento produtivo e económico de Galicia. «Estes orzamentos son unha oportunidade perdida nun momento extraordinario, e son apenas a mesma rutina e propaganda de sempre», resumiu.