O BNG demanda un aumento de 94 millóns para Vigo nos orzamentos da Xunta de 2022


O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar un incremento substancial dos investimentos para a cidade de Vigo no proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2022. Desde a fronte nacionalista cualifican as contas elaboradas polo PP como “inxustas e inutéis”, polo que presentaron unha batería de emendas por valor de 94 millóns de euros que buscan rematar coa “política de abandono contra Vigo” e enfrontar os graves efectos derivados da crise provocada pola pandemia.

“Estes orzamentos son inxustos porque insisten na política de total abandono que a Xunta do PP practica contra a maior cidade de Galiza, e inúteis porque non responden ao contexto de grave crise social, laboral, produtiva e comercial que atravesa Vigo”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Estas contas demostran que o Partido Popular de Feixóo, pero tamén de Marta Fernández-Tapias e de Javier Guerra, non ten nada que ofrecerlle a Vigo”, remachou.

O portavoz municipal nacionalista apuntou catro grandes eixos estratéxicos para mellorar os orzamentos da Xunta en 2022: a reactivación produtiva e económica fronte á crise industrial e laboral, fortalecer os servizos públicos contra os recortes e a privatización, atender importantes déficits históricos en infraestruturas e unha aposta pola sustentabilidade e a innovación.  “Propostas en positivo que perseguen que a Xunta deixe de desertar das súas responsabilidades coa cidade, para que o Goberno galego exerza como tal tamén en Vigo”, sinalou en rolda de prensa Igrexas, que presentou as emendas acompañado das deputadas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández.