O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), do que forma parte o carballés Daniel Pérez, vén de presentar unha Preposición non de lei para o seu debate na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, sobre o transporte público entre Carballo e A Coruña.
Na exposición de motivos afirman que non hai unha resposta adaptada ás necesidades de desprazamanto da poboación da zona, ‘cunhas necesidades diversas e a unhas localidades con características diferenciadas’, unha ruta empregada por centos de persoas usuarias que se desprazan diariamente por motivos diversos, mais especialmente por motivos de traballo e/ou estudos, e polo tanto suxeitos a horarios concretos de chegada e saída. E son precisamente estas as máis afectadas por unha problemática recorrente en dita liña, nomeadamente nos “buses directos”.
Os nacionalistas din que «os autobuses directos que enlazan Carballo e A Coruña, polo xeral, parten de localidades como Fisterra ou Muxía. O que supón que cando chegan a Carballo dispoñen xa de moi poucas (ou ningunha) prazas baleiras, obrigando ás persoas usuarias que parten de Carballo a agardar “polo bus seguinte”. Mais o seguinte bus non é directo e tarda o dobre de tempo en chegar ao destino. Cando o desprazamento é en sentido contrario, da Coruña en dirección a Carballo, as usuarias atópanse cunha “rocambolesca” situación: na Estación de Autobuses da cidade non se respecta a orde de chegada na cola de embarque, e son os propios condutores (por orde da empresa) os que priorizan ás persoas que viaxan até o final da ruta (Fisterra), excluíndo ás que se dirixen a destinos intermedios como é o caso de Carballo.
Esta práctica da empresa concesionaria é claramente arbitraria, quebranta o principio de equidade e igualdade e non está amparada por ningunha normativa legal ou regulamentaria que sexa pública. E xera sensación de desamparo e indefensión nas persoas usuarias ao tempo que deteriora a confianza no funcionamento dun servizo público fundamental para moita xente, para o benestar social e a mobilidade sostible. Unha práctica habitual incompatible cun servizo público, que supón un tratamento desigual entre persoas usuarias, que afecta á fiabilidade e correcto funcionamento do servizo e atende a un interese espurio, puramente economicista, da empresa concesionaria».
Polo exposto, piden que o Parlamento inste á Xunta a esixirlle á empresa concesionaria o reforzo inmediato da liña directa Carballo-A Coruña, establecendo saídas que partan de Carballo, nomeadamente nas franxas horarias de maior demanda.
Requirirlle que estableza un sistema operativo que garanta o respecto da orde de chegada nos embarques nas estacións de Carballo e A Coruña e piden reclamarlle ademáis á empresa que comunique por escrito, de existir, cal é o protocolo actual de prioridade de acceso.