O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, denunciou que a Xunta de Galiza segue sen convocar por terceiro ano consecutivo unha liña de axudas dirixidas aos concellos para a mellora, rehabilitación ou construción de instalacións deportivas municipais.
O parlamentario nacionalista defendeu este mércores 18 de marzo unha iniciativa no Parlamento galego, que foi rexeitada polo PP, na que instou ao goberno galego a habilitar partidas económicas para que os concellos da Costa da Morte poidan acometer as reformas necesarias nas infraestruturas deportivas de titularidade municipal.
“O PP vota en contra de convocar esta liña de axudas este ano, porque así dan as subvencións mediante convenios só aos concellos do PP, como fixeron este último ano», apuntou Oscar Insua, que lembrou que a Xunta non habilita este tipo de subvencións desde o ano 2023.
O deputado do BNG enumerou unha serie de municipios cos que que a Xunta asinou acordos para financiar obras de mellora das instalacións deportivas. “Ao contrario do que fai a Deputación da Coruña, que reparte axudas de xeito plural para todos os concellos, o goberno galego négase a convocar subvencións para que os municipios teñan a posibilidade de realizar obras para melloras nos campos de fútbol”, subliñou.
Insua afirmou que existen varios campos de fútbol na comarca que precisan de reformas dos vestiarios, como o das Lombáns en Carnota, o Novo Cubeleiro en Corcubión, o Arasolis de Fisterra, o Vicente Carril de Camariñas ou o campo da Arliña en Muxía, así como de arranxar ou ampliar os aparcamentos e os accesos.
“É necesario reformar os vestiarios de todos os campos, pois o auxe do fútbol feminino fai que queden obsoletos e se precisen máis.”, concluíu o parlamentario do BNG, que lamentou o voto en contra do PP e a negativa a convocar estas axudas que serven para promocionar o deporte na mocidade da Costa da Morte e de toda Galiza.