O BNG denuncia a parálise na que se atopa o centro onco-hematolóxico no hospital comarcal de Cee

O BNG denunciou a parálise do hospital de día onco-hematolóxico no hospital comarcal “Virxe da Xunqueira” de Cee, sinalando que despois de anos de promesas, o pasado ano púxose a funcionar este servizo. Os nacionalistas indicaron que foron as súas iniciativas parlamentarias as que meteron présa á Consellería de Sanidade para executar unha demanda histórica da comarca, que fora prometida polo propio presidente da Xunta na campaña electoral de 2024.

Desde a formación nacionalista subliñaron que as obras tiñan que ter rematado en agosto, mais no foi ata outubro cando “oficialmente” dixeron que comezaba a andar o servizo. En realidade foi en novembro, logo de que o BNG tratara este asunto na comisión 5ª de Sanidade do Parlamento galego. E explicaron que desde ese mes, novembro, dedicáronse a captar posibles doentes, segundo afirmaban no parlamento os membros da consellería.

“Mais a crúa realidade demóstranos que en seis meses non se prestou ningún tratamento de quimioterapia; só houbo consultas externas realizadas por un oncólogo, un día á semana. Dos servizos que dixeran que se ían prestar, nada de nada. Así é como entende o Partido Popular a sanidade: moita palla e pouco gran”, declarou o responsable comarcal do BNG na Costa da Morte, Xurxo Rodríguez Baña, que denunciou “esta nova burla á comarca; están desmantelando pouco a pouco os servizos sanitarios da comarca, en atención primaria e no hospital”.

Rodríguez Baña afirmou que “parece que funcionan só a base de presión social e concentracións, como a que realizamos xunto con SOS SANIDADE PÚBLICA a semana pasada  fronte ao centro sanitario de Baio, onde segue a haber unha lista de espera de dúas semanas para medicina familiar”.

“Dende o BNG levaremos todas estas demandas ao parlamento galego a través do deputado Oscar Insua, tanto para reclamar novamente a posta en marcha deste servizo tan necesario para a comarca, como para garantir o resto de servizos sanitarios que o PP se empeña en recortar”, concluíu o responsable nacionalista.

Related posts

Dous proxectos sitúan a Carballo na vangarda da arquitectura ibérica

A Laracha renderá homenaxe aos seus maiores o 16 de maio

Axober e a Agrupación Deportiva “Un Paso Máis” colaborarán na promoción de iniciativas sociais e inclusivas