Xallas | O BNG denuncia a saturación do PAC de Santa Comba

1 minutes read

Os candidatos do BNG en Santa Comba e Mazaricos, Juan Sixto e Juan Blanco, xunto coa deputada nacionalista no Parlamento Galego, Iria Carreira, denunciaron a falta de recursos do PAC que atende a poboación dos dous concellos e esixiron a ampliación de persoal para a mellora da atención sanitaria.

O BNG rexistrou no Parlamento Galego varias iniciativas para instar á Xunta a comprometerse cun servizo sanitario de calidade dos dous concellos. O PAC presta asistencia a máis de 12.000 pacientes destes dous concellos.

Pola súa parte, o alcalde e cabeza de lista de Mazaricos, Juan Blanco, insiste nas peticións xa formuladas. Apunta tamén que a «carga asistencial do PAC supera os recursos existentes e xa demandamos en repetidas ocasións tamén a escaseza de persoal da Atención Primaria e as eivas da propia infraestrutura que precisa unha urxente modernización».

Juan Sixto criticou o «lamentábel estado» das instalacións do centro sanitario que demostra que «a Xunta continúa a considerarnos cidadáns de segunda e, cando falamos de sanidade pública temos que ter todos e todas os mesmos dereitos a unha atención sanitaria de calidade».

Neste sentido, as deputadas do BNG, Iria Carreira e Montserrat Prado, trasladaron ao Parlamento a través de varias iniciativas estas demandas para instar á Xunta a incrementar a dotación de persoal do PAC e a mellora do centro de saúde.

Demandan a contratación de persoal de enfermaría e a realización dun estudo sobre a carga asistencial dos PAC da área sanitaria.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?