O BNG denuncia como ‘nefasta’ a situación da atención primaria na Costa da Morte

1 minutes read

Os nacionalistas sinalaron que, no marco da degradación do servizo sanitario na comarca, existen doentes que, ao pedir cita en centros de atención primaria, como no caso de Cee, Vimianzo e Muxía, sofren demoras de ata quince días para ser atendidos polo médico ou médica de cabeceira.

O BNG indicou que, no caso de Cee, o atraso no centro médico chega ás dúas semanas, e en Vimianzo e Muxía os pacientes que actualmente están a solicitar unha cita médica están agardando 13 e 12 días, respectivamente. “É inadmisible que haxa persoas que teñan que esperar ata dúas semanas para recibir un servizo na atención primaria”, advertiu a organización nacionalista.

Así mesmo, alertou tamén do empeoramento nas listas de agarda para consultas e operacións cirúrxicas na área sanitaria A Coruña-Cee, na que se enmarca a Costa da Morte, tal e como vén de recoñecer publicamente esta semana o xerente de dita demarcación. “Existe unha deterioración progresiva da sanidade, sen que o goberno galego mova un dedo para pór remedio á situación”, subliñou o BNG.

Desde a formación nacionalista lembraron ademais que a Xunta segue sen cubrir as prazas de pediatría vacantes en Carnota, Fisterra, Camariñas e Zas, co prexuízo que supón para as familias que teñen que usar ese servizo para a atención das súas crianzas.

O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, afirmou que “a pésima xestión e a nula previsión amosan unha vez que a Xunta do PP ten abandonada á sanidade pública na Costa da Morte, non pode ser que estes veciños e veciñas teñan que esperar  máis de 10 días para ser atendidos. E agora coa vindeira folga de médicos, alentada tamén polo PP, as citas van a demorarse aínda máis”.