A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de poñer en coñecemento das autoridades europeas, a través dunha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea, as vulneracións da normativa comunitaria que o goberno galego permite a respecto da mina de Santa Comba. “Temos que denunciar que o Goberno galego fai a vista gorda coa minería en Galiza mesmo incumprindo requisitos de protección ambiental europeos e internacionais”, salienta.
Miranda explica que pese a existencia de informes que indican que a mina de Santa Comba, -pechada en 1986 e cuxa concesión debía ter vencido en 2008- debería contar coa avaliación de impacto ambiental, o goberno galego permitiu que dúas empresas adquiriran as concesións e aprobou os proxectos ignorando as directivas comunitarias. “Pero non só atopamos vulneracións normativas sobre a ausencia de avaliación do impacto ambiental, senón tamén a respecto da participación pública”, sinala.
“É inadmisible que o goberno galego impida sistematicamente o acceso á información ambiental sobre esta mina, de forma que viola a Convención de Aarhus e a Decisión do Consello de 17 de febreiro de 2005 sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente”, sinala Ana Miranda quen considera que a Comisión Europea debe pedir explicacións á Xunta de Galiza sobre o desenvolvemento deste proxecto e o incumprimento da normativa comunitaria.