O responsable comarcal da formación nacionalista en Bergantiños, Xosé Manuel Pose, sinalou que «hai un maltrato á xente que utiliza este medio de transporte por parte da empresa concesionaria, deixando a persoas en terra, non facendo paradas nos lugares establecidos para as mesmas, como ocorre nalgunhas paradas de Carballo, e discriminando novamente aos usuarios en función do destino final».
Cabe lembrar que nunha das últimas respostas por escrito ao deputado do BNG Oscar Insua, a consellería de Presidencia, que xestiona Mobilidade, informaba que “os pregos de condicións que rexen as distintas concesións de transporte regular por estrada establecen a prohibición de fixar preferencias de acceso ao servizo en función do ámbito xeográfico ao que viaxen as persoas usuarias, garantindo así un trato igualitario no seu uso”. E que “desde a notificación do requirimento ao operador, non consta a esta Administración que a situación descrita se volvese producir, ao tempo que se mantén un seguimento continuo do servizo para garantir a súa correcta prestación”. Pero este venres 18, a operadora volveu a dar prioridade na subida ao autobús aos usuarios que se dirixían a determinados destinos, deixando novamente xente sen autobús na estación da Coruña.
Dende o BNG consideran que sería necesario non só un reforzo da liña nos días e horas de maior demanda, con máis frecuencias de autobuses para dar cabida ás persoas que necesitan usar dita ruta, senón unha reformulación de todo o servizo de transporte na comarca.
“O Goberno galego de Rueda debería tomar en seria dunha vez o transporte público e planificar un servizo que de verdade atenda as necesidades da veciñanza de Carballo e da comarca», manifestou Oscar Insua, que anunciou novas iniciativas no Parlamento galego.
Así mesmo, indicou que os horarios publicados na web da compañía non se corresponden cos reais que se levan a cabo, co conseguinte prexuízo para os usuarios e usuarias. E reclamou que se poña en funcionamento algún sistema para que se poida seguir en tempo real por internet o itinerario polo que vai transcorrendo a liña de bus.
«Hai moito tempo que dende o BNG vimos denunciando os problemas existentes no transporte público en Bergantiños, que non se adapta aos horarios laborais dos que traballan nas cidades, nin aos doentes que teñen que acudir diariamente aos centros sanitarios á Coruña, nin aos estudantes que se desprazan a diario, polo que os apeados acaban acudindo no seu vehículo particular, e por riba pagando as peaxes da autovía que o PP se nega a eliminar. Logo a Xunta quere que a xente utilice o transporte público, e pregúntome eu como van querer con servizos tan caóticos e precarios como o desta comarca», concluíu Oscar Insua.
