O BNG denuncia que a Xunta do ‘segue a ter no abandono e sen solucións’ o sector marisqueiro en Camariñas

O BNG de Camariñas denunciou que o goberno galego do PP segue a ter abandonado ás mariscadoras do municipio, ante a crise “sen precedentes” que está a sufrir o sector, e criticou que a Xunta continúa sen aportar solucións e sen achegar “as prometidas axudas” para as traballadoras do mar.

A formación nacionalista sinalou que o sector marisqueiro de Camariñas, incluída a Confraría, segue sen ter información por parte da Consellería do Mar. “As promesas de que ían a conceder axudas económicas por cese de actividade quedaron en nada”, afirmou a responsábel local do BNG camariñán, Ana Pasantes, que subliñou que “a Xunta non decretou a suspensión do plan de explotación, condición previa para solicitar compensacións económicas, nin tampouco impulsou ningunha medida de recuperación do recurso marisqueiro”.

Ana Pasantes, que tamén é mariscadora na localidade, cualificou a situación como “desesperante” e sinalou que o colectivo “atópase nunha situación límite e sen poder traballar, sen ingresos e sen perspectivas de futuro”. Así mesmo, a representante do BNG apuntou que “as traballadoras do mar non cobramos absolutamente ningunha achega económica no Nadal, e non sabemos se cobraremos algo no futuro”, e avanzou que a presidenta da agrupación de mariscadoras, Jaki Lista, ten pedida unha reunión coa Directora Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángelez Vázquez Suárez, “mais de momento non tivo a ben recibila”.

Desde a organización nacionalista lembraron que a “crítica situación” do marisqueo en Camariñas foi levada en varias ocasións ao Parlamento galego polo deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua. A última vez foi en decembro pasado, cando o parlamentario nacionalista interpelou precisamente na Comisión de Pesca e Marisqueo á Directora Xeral. Nesa ocasión, Insua urxiu a Vázquez Suárez medidas urxentes, un plan de viabilidade e a publicación inmediata dos informes técnicos que encargou a consellería.

O  BNG indicou que a representante da consellería “non respondeu ningunha das cuestións expostas, nin achegou datos, explicacións ou compromisos”, e reiterou que seguirá insistindo na defensa “dun sector que está esmorecendo e que necesita actuacións urxentes, mentres a Xunta do PP segue a mirar cara outro lado”.

Related posts

A Deputación destina 30.000 euros para o mantemento da Unidade de Condutas Aditivas de Carballo

O alcalde da Laracha recibiu en Caión á expedición do programa de intercambio xuvenil con Venecia e Xeorxia

Máis 110 actuacións en Galicia levadas a cabo por COGAMI en accesibilidade