O BNG denuncia que o Concello de Laxe pon o prezo por diante do proxecto educativo no Punto de Atención á Infancia

8 minutes read
  • Os nacionalistas elaboraron 25 propostas de mellora do regulamento, pero decidiron non presentalas para non dilatar a apertura do servizo.

O BNG de Laxe denuncia que o Goberno municipal do PP está a abordar a posta en marcha do Punto de Atención á Infancia (PAI) cunha prioridade que considera «profundamente equivocada»: poñer o prezo por diante da calidade educativa.

O decreto de Alcaldía que inicia o expediente de contratación é explícito. Para escoller a empresa que xestionará o PAI durante os primeiros dous meses, o Concello establece que «o criterio de selección será a oferta máis económica», mentres que o proxecto educativo e organizativo presentado polas empresas só terá peso efectivo no caso de empate entre as ofertas económicas. «Estamos falando dun servizo destinado a nenas e nenos de 0 a 3 anos. Non estamos contratando simplemente un servizo de limpeza ou de mantemento: estamos decidindo quen vai educar, coidar e acompañar as crianzas de Laxe», sinala Cristina Vázquez, concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Laxe.

O propio decreto define o contrato como unha xestión integral que inclúe atención, educación, garda, coidado e hixiene das crianzas. «Se o que se contrata é un servizo educativo e asistencial, resulta difícil entender que o proxecto educativo quede relegado a un papel secundario e que sexa o prezo o que determine a elección da empresa», afirma Cristina Vázquez.

Un PAI que nace coa improvisación como bandeira. Para o BNG, esta cuestión non pode separarse da forma en que o Goberno municipal está a poñer en marcha o servizo.

O decreto sinala que a Alcaldía xustificou o 12 de agosto a necesidade de recorrer a un contrato menor para poder iniciar o PAI o 1 de setembro, e finalmente establece unha contratación por tan só dous meses. «Tiveron tempo suficiente para planificar e licitar correctamente un servizo tan importante. Porén, chegamos a finais de agosto cun contrato menor de dous meses e coa prioridade posta no prezo. Isto transmite unha imaxe evidente de improvisación», afirma Cristina Vázquez.

A formación nacionalista considera especialmente preocupante que, nun servizo que debe garantir calidade educativa, estabilidade e confianza das familias, o proxecto educativo quede relegado a un papel secundario.

O BNG de Laxe elaborou unha análise detallada do Regulamento de Organización e Funcionamento e da Ordenanza reguladora do PAI e identificou 25 aspectos susceptibles de mellora. Porén, a formación nacionalista decidiu non presentar as alegacións neste momento para non contribuír a dilatar a posta en funcionamento do servizo. «Non queremos que as nosas alegacións poidan ser utilizadas como escusa para atrasar a apertura. As familias levan demasiado tempo esperando e queremos que o PAI abra. Pero tamén queremos deixar constancia de todo o que consideramos que debe mellorarse», explica Cristina Vázquez.

Estas son as 25 propostas elaboradas polo BNG:

1. Motivación da xestión indirecta: Solicítase unha análise comparativa dos diferentes modelos de xestión, atendendo a custos, estabilidade do persoal, control público, calidade educativa e eficiencia

2. Reforzo do control municipal sobre a empresa xestora: Proponse establecer memoria anual, indicadores de calidade, avaliación periódica e control do cumprimento do proxecto educativo.

3. Participación das familias na Comisión Educativa: Reclámase incorporar representación das familias usuarias.

4. Transparencia da Comisión de Baremación: Proponse reforzar a publicidade dos criterios, a motivación das puntuacións, as listas e o procedemento de reclamacións.

5. Corrección das contradicións internas do Regulamento: Solicítase revisar o texto para eliminar contradicións sobre permanencia, organización da xornada e funcionamento.

6. Protocolo único de administración de medicamentos: Reclámase eliminar as contradicións existentes e establecer un único protocolo claro.

7. Actualización do protocolo de enfermidades: Proponse substituír as relacións pechadas de patoloxías pola referencia aos protocolos sanitarios vixentes.

8. Eliminación do uniforme obrigatorio:Solicítase eliminar esta previsión ou substituíla por unha bata ou mandilón con finalidade exclusivamente hixiénica.

9. Clarificación da matrícula: Reclámase aclarar ou eliminar a taxa de matrícula de 100 euros, que aparece bonificada ao 100 %.

10. Garantía da gratuidade: Proponse incorporar o compromiso municipal de preservar a gratuidade do servizo sempre que sexa legal e economicamente viable.

11. Mellora do estudo económico-financeiro: Solicítase unha análise máis detallada da evolución dos custos e das necesidades de financiamento.

12. Estudo dun servizo de comedor ou alimentación: Proponse analizar a viabilidade dun servizo de alimentación adaptado á primeira infancia, e axeitar de momento as instalacións para poder ofrecer en condicións o xantar e os tentempés.

13. Indicadores de calidade: Solicítase establecer indicadores sobre ocupación, estabilidade do persoal, incidencias, satisfacción das familias e cumprimento do proxecto educativo.

14. Memoria anual do servizo: Proponse elaborar unha memoria pública sobre o funcionamento do PAI.

15. Mellora da técnica normativa e seguridade xurídica: Solicítase corrixir erros materiais, repeticións, numeración e referencias normativas.

16. Actualización das referencias normativas: Proponse que as remisións se entendan feitas á normativa vixente en cada momento.

17. Reclamacións e participación das familias: Solicítase regular expresamente suxestións, reclamacións, reunións coas familias e avaliación da satisfacción.

18. Avaliación periódica do servizo: Proponse unha avaliación anual do funcionamento do PAI e das necesidades detectadas.

19. Revisión integral antes da aprobación definitiva: Solicítase revisar o Regulamento e a Ordenanza antes da súa aprobación definitiva.

20. Dereitos lingüísticos e promoción do galego: Proponse que o galego sexa lingua de uso normal nas actividades educativas, documentación e comunicacións coas familias, garantindo os dereitos lingüísticos.

21. Igualdade, inclusión e non discriminación: Reclámase incorporar os principios de igualdade, inclusión, atención á diversidade, accesibilidade e respecto pola pluralidade familiar, cultural e social.

22. Formación continua do persoal: Proponse un plan anual de formación, especialmente en primeiros auxilios pediátricos, prevención de riscos, atención temperá, inclusión e protección da infancia.

23. Protección da infancia: Solicítase establecer protocolos ante situacións de risco, desprotección ou violencia sobre as crianzas.

24. Avaliación do primeiro ano de funcionamento: Proponse elaborar un informe específico ao remate do primeiro ano sobre ocupación, satisfacción das familias, incidencias e propostas de mellora.

O proxecto educativo non pode quedar nun segundo plano. Para Cristina Vázquez, unha das cuestións máis relevantes é precisamente a falta dunha definición suficientemente clara do proxecto educativo e da planificación do inicio de curso. A etapa de 0 a 3 anos é fundamental para o desenvolvemento emocional, social e cognitivo das nenas e nenos. Por iso, considera que estes centros non poden reducirse a espazos onde simplemente «aparcar» as crianzas mentres as familias traballan.

O proxecto educativo debe definir os obxectivos, criterios metodolóxicos, organización dos espazos e tempos, acompañamento emocional e intervención educativa. «Un Punto de Atención á Infancia non pode ser un lugar onde deixar as crianzas. Ten que ser un espazo de vida, aprendizaxe e afecto. Sen proxecto educativo e sen planificación, isto é imposible», afirma Cristina Vázquez.

A concelleira e candidata do BNG considera igualmente especialmente importante o período de adaptación, tendo en conta que moitas das crianzas se incorporarán por primeira vez a un espazo educativo e estarán separadas das súas familias. Unha incorporación adecuada require planificación e acompañamento: comunicación previa coas familias, organización progresiva dos tempos de permanencia, preparación dos espazos, rutinas axeitadas e observación individualizada das crianzas. «O inicio do curso non pode resolverse simplemente abrindo a porta o 1 de setembro. Estamos falando de bebés e nenos e nenas de moi curta idade. O período de adaptación debe estar planificado con criterios profesionais e pensando no benestar de cada crianza», sinala.

A falta dunha planificación adecuada pode xerar inseguridade, ansiedade e dificultades de vinculación, afectando tanto ás crianzas como ás familias e ao propio persoal. «Un PAI ten que ser un espazo educativo, de vida, aprendizaxe, coidado e afecto, cun proxecto pedagóxico sólido e unha organización coherente desde o primeiro día», reivindica Cristina Vázquez.

O BNG lembra que o PAI foi unha conquista impulsada en 2015. O BNG lembra que foi o propio BNG quen impulsou a creación deste servizo en Laxe no ano 2015, polo que «non imos permitir que unha conquista das familias de Laxe se poña agora en marcha sen a planificación e as garantías que merece». «O PAI non nace hoxe nin é unha ocorrencia deste Goberno. É froito dunha reivindicación que o BNG impulsou hai máis dunha década e dunha necesidade real das familias de Laxe», sinala Cristina Vázquez. «Conciliar é garantir que as familias teñan un servizo público de calidade e que as súas crianzas reciban a mellor atención educativa posible», afirma.

As familias merecen saber que modelo de PAI se lles ofrece. Cristina Vázquez considera que as familias que solicitaron praza teñen dereito a coñecer con claridade que proxecto educativo vai desenvolver o PAI, con que medios, con que persoal e baixo que criterios de atención ás crianzas. «As familias non están escollendo entre dúas empresas de limpeza. Están confiando os seus fillos e fillas a un servizo de atención á primeira infancia. Por iso é difícil entender que o proxecto educativo sexa practicamente irrelevante á hora de seleccionar quen o vai xestionar».

A candidata do BNG reclama, polo tanto, que o Concello dea todas as explicacións sobre o proceso de contratación e sobre as garantías educativas e asistenciais que se van ofrecer ás familias. «O PAI debe poñer no centro as crianzas e as familias, non a oferta máis barata. En educación, e especialmente na primeira infancia, a calidade non pode ser o criterio de desempate: ten que ser unha prioridade».

O BNG continuará facendo seguimento de todo o expediente para comprobar que a posta en marcha do PAI se realiza con todas as garantías administrativas, educativas e asistenciais. «Queremos que o PAI abra. Queremos que funcione. E queremos que funcione ben. Porque un servizo que o BNG impulsou en 2015 e que as familias de Laxe levan tantos anos esperando merece estar á altura das súas necesidades» conclúe Cristina Vázquez concelleira e candidata do BNG á alcaldía de Laxe.