O BNG denuncia unha “avalancha de recortes” en todos os niveis do ensino público


O portavoz parlamentario do BNG en materia de educación, Manuel Lourenzo, denunciou “unha avalancha de recortes” en todos os niveis do ensino público e cifrou en 435 os docentes menos cos que contará secundaria, o que advertiu que “vai impedir en moitos casos que se poidan cumprir os protocolos Covid”.

“Estamos ante unha avalancha de recortes que o Goberno do PP está aplicando en todos os niveis do ensino público, especialmente grave no nivel de educación secundaria con 435 docentes menos en relación ao pasado curso escolar, un recorte sen precedentes”, denuncia o portavoz parlamentario de Educación do BNG, Manuel Lourenzo.

Explica ademais, que a cifra de profesorado nos institutos baixa incluso se se compara cos datos anteriores á pandemia, en concreto, o recorte implica 189 docentes menos. E estes datos, provisionais recollidos nun estudo da CIG, sindicato maioritario no sector, aínda poden ser superados por cifras peores unha vez que se faga efectiva a adxudicación de destinos.

O Goberno de Feijóo “vai en dirección contraria e, xusto no momento en que máis reforzos se precisan, o que temos por parte da Xunta é un recorte de profesorado sen precedentes”, concluíu.