Juan David Sixto é a cabeza visíbel do proxecto do BNG en Santa Comba (comarca do Xallas). O candidato nacionalista aspira a se facer coa Alcaldía este 28 de maio nun municipio gobernado pola ‘popular’ María José Pose desde o verán de 2021.
Os nacionalistas aseguran que “unha persoa da candidatura do PP difunde a través das redes falsas acusacións contra o cabeza de lista do nacionalista”. O BNG anuncia denuncias diante da Xustiza e da Xunta Electoral por unha campaña “con falsas e graves acusacións que se están a distribuír a través de notas en caixas de correos e tamén polas redes sociais”.
“Son completamente falsas e un ataque contra min como candidato do BNG polo que, de maneira urxente, decidín pór en coñecemento da Policía os acontecementos para que tomen medidas contra os autores”, sinala. E, alén da denuncia xa presentada, a formación nacionalista estuda a adopción de diferentes medidas para facer fronte ao que, en palabras da súa responsábel comarcal, Elvira Cienfuegos, constitúe “un ataque que pon en cuestión o candidato e provoca un grave prexuízo á súa persoa e tamén á súa familia que non podemos permitir”.
As acusacións diríxense tamén, aseguran, a outra persoa integrante da candidatura do Bloque. “É un ataque claramente político co que queren pór en cuestión unha candidatura que se presentou nun acto masivo e que estaba a ser apoiada por moitas veciñas e veciños de Santa Comba”, incide Cienfuegos, quen lamenta que “aínda algúns continúen pensando que é mellor eliminar o BNG con estas prácticas porque teñen medo dunha política limpa e ao servizo da veciñanza”.